O coronavirus, a exame virtual
Medio cento de alumnos de Silleda, Viana do Bolo, Brión e Bueu analiza os efectos da pandemia en países empobrecidos ou sen sistemas sanitarios públicos
by salomé souteloDesde 2015, a Asociación Galega de reporteiros Solidarios,Agareso, ten en marcha o Laboratorio de Educación para o Desenvolvemento (EpDLab), no que diversos centros educativos de secundaria teñen abordado cuestións sociais como as noticias falsas, a diversidade ou a xenofobia. Mediante o emprego de novas tecnoloxías, os rapaces buscan información e solucións a estes problemas. Na edición de 2020, a crise sanitaria fixo aínda máis importante o emprego de internet.
Durante esta semana, estudantes do Pintor Colmeiro, de Silleda, así como alumnos de Viana do Bolo e dos institutos Carlos Casares (Vigo), Illa de Ons (de Bueu), Milladoiro e Brión participan nun hackaton en liña, que sustitúe ás dúas anteriores edicións presenciais que tiveron lugar no instituto trasdezao. Un hackaton é unha actividade colectiva, de curto tempo, na que os participantes aportan solucións a un problema mediante o emprego de novas tecnoloxías da información e da comunicación (TIC).
Ao longo deste curso, os distintos centros celebraron obradoiros presenciais en torno ao medioambiente, o consumo responsable ou a economía solidaria. Pero coa irrupción da pandemia sanitaria, a organización tivo que botar man das novas tecnoloxías para seguir co programa e, tamén, adaptar o seu contido ao que estaba ocorrendo no planeta. Como o Laboratorio de Educación para o Desenvolvemento traballa sobre todo coa diversidade e a igualdade de dereitos, estaba claro que o tema que ían examinar os alumnos eran os efectos do coronavirus naqueles países menos preparados, xa sexa polo seu empobrecemento ou pola súa falta de servicios sanitarios e asistenciais de carácter público.
Deste xeito, o alumnado adicouse a recoller información sobre a pandemia facilitada polo epidemiólogo galego afincado en Londres Javier Guitián, pero tamén estudou os datos dos seus efectos no Perú, da man de Silvana Vivanco; na India, con Ruhaan Je; en Guatemala, con Dorian Díaz; na República Dominicana, a través de Estéfani Guillén, e en El Salvador, con Jenifer Rivas. Con toda esta documentación, os estudantes fixeron vídeos e memes cos que poder trasladarlle ao resto da sociedade as consecuencias que pode ter unha crise sanitaria en países que carecen de servizos básicos ou que teñen, por exemplo, desigualdades moi grandes á hora de acceder a unha vivenda digna. Se os efectos xa son terribles en países do primeiro mundo, as consencuencias en nacións menos desenvolvidas adoitan ser devastadoras.
O hackatón tivo lugar, a través de internet, este martes, día 26. Todos os centros puideron expoñer o seu traballo anual, no que se ofrece unha "xeografía social" na que queda claro que a igualdade, á hora de afrontar unha crise sanitaria, é solo unha teoría. E xa que esta iniciativa vai de igualdade de oportunidades, todos os recursos interactivos están dispoñibles para familias, alumnado e profesorado na plataforma Moodle Cloud. As persoas que queiran acceder a estes contidos poden facelo empregando como nome de usuario e como contrasinal a palabra "invitado". Neste sentido a coordinadora de Agareso, Lorena Seijo, explica que a entidade pón esta alternativa tamén nas mans dos docentes que non estean vinculados ao proxecto pero que desexen xestionado de maneira autónoma para empregar os contidos nas súas aulas para o vindeiro curso. "Cremos que en situación de crise cada quen ten que aportar na media das súas posibillidades, solucións e alternativas", engade. "Nós tentamos facer a nosa achega con esta proposta, porque para nós a educación é participación, reflexión e compromiso, e isto non o cambia nin unha pandemia".
O EpDLab está desenvolvido pola equipa técnica de Agareso e financiado por Cooperación Galega. Xurdiu a raíz da reflexión colectiva de varios grupos de ensino secundario de Galicia, El Salvador e República Dominicana.