https://cflvdg.avoz.es/sc/dL-6byKXd7dIIMVrmDt2E0wGnPE=/x/2020/05/28/00121590675003085813205/Foto/PY29C3F2_16852.jpg
RAMON LEIRO

Pontevedra: «En xullo empezará a preocupación porque imos ver como se vai comportar o mercado»

José Manuel Rosas, patrón maior de Bueu, advirte de que «esta campaña do polbo foi floxa nesta lonxa»

by

Pouca xente coñece tan ben ao sector pesqueiro da comarca coma José Manuel Rosas, patrón maior de Bueu e presidente da Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra.

 -¿Cómo definiría a campaña do polbo que remata hoxe?

-Esta campaña foi floxa nesta lonxa. Primeiro non foi un ano demasiado abundante no seu inicio, logo viñeron os temporais do inverno e por último veu para acabar de fastidiala o covid-19. Os temporais non nos deixaron traballar demasiado e por riba veu o coronavirus.

-¿Cal foi o impacto do covid-19 na actividade desta flota?

-Aparte de non deixar traballar tanto por medo ao contaxio, ao mesmo tempo provocou unha baixada de prezos, sobre todo nos polbos de máis peso, ao estar pechada a hostalería. Isto a nivel campaña non foi boa.

-Ao entrar na fase 2, ¿notouse algún cambio nas cotizacións?

-Si, porque nestas últimas semanas a xente xa empezaba a traer as nasas para terra, e cando hai pouca oferta claro que sube. Comezou a subir sobre todo no mercado local e para fresco.

-No momento malo, ¿a canto chegou a venderse?

-A sete euros e algo o polbo de dous quilos para riba, cando antes do covid-19 estabámolo vendendo a case once euros. Tres euros de caída é significativa.

-¿Como se presenta a veda?

-Presentase moi boa, un relaxo total e absoluto nun mes. En xullo empezará a preocupación, porque imos ver como se vai comportar o mercado. Hai que darse de conta de que hai moito material almacenado porque a restauración estivo cerrada. O consumo non se vai a normalizar ata que pase bastante tempo e non sei que vai a acontecer cando saiamos ao mar ao inicio. Hai moita preocupación.