Un neno chamado Ramón Otero Pedrayo

by

No Beatus de hai oito días dei noticia da aparición dun libro memorialístico de Otero Pedrayo do que convén reproducir o longo título: Lembranzas do meu vivir I. O meu século XIX. Os tempos do Instituto (Ourense, 1898-1904). Foron publicadas estas Lembranzas por Galaxia, editorial, como é ben sabido, a quen o Patriarca, no seu día, nun xesto digno del, legou todos os seus bens. É a editorial que, en 2015, xa publicara a segunda parte deste corpus memorialístico: Lembranzas do meu vivir II. Os tempos da Universidade (Madrid, 1904-1912). Ignoramos por que a editorial iniciou a serie memorialística por este volume. Ambos os dous, como xa se ten explicado, proceden do arquivo literario de Domingo García-Sabell, destinatario, desde 1955 (ou antes), de valiosísimos inéditos de don Ramón. Escrito na primavera-verán de 1962, o texto iníciase con esta dedicatoria ao matrimonio García-Sabell / Elena Tormo: «A Domingo i Elena pedíndolles que, pois sendo eles a frol da miña amizade, apadriñen iste libro malencólico e verdadeiro tecido de amizade e de lembranzas delas».

Cómpre salientar que estas memorias da súa nenez, escritas cando o autor xa cumprira 74 anos, non só nos interesan polos anos nos que don Ramón foi alumno no Instituto de Ourense (1898-1904), hoxe denominado co seu ilustre nome. O autor dedica bastantes páxinas aos devanceiros do pai (o médico Enrique Otero Sotelo) e da nai (Eladia Pedrayo Ansoar), curioso capítulo xenealóxico onde don Ramón, tamén neste xénero, sorpréndenos na caracterización de personaxes ou no protagonismo de certos feitos. Agora ben, ao longo das «lembranzas» están moi presentes dúas ausencias que marcaron notablemente a vida do noso escritor: a do pai, que morre cando el finaliza o bacharelato, e a da nai, que case chegou a centenaria (1957). Neste e noutros libros de don Ramón hai páxinas conmovedoras sobre a «orfandade» compartida coa súa nai, obxecto, durante décadas, dun epistolario de fillo doído e namorado. Publicado está, en dous volumes, co título Cartas á nai, por Patricia Arias, unha das editoras do presente volume).

As páxinas centradas nos traballos e nos días do Instituto son decisivas para coñecermos a formación intelectual daquel neno que, anos despois, asombraría aos alumnos do mesmo centro de ensino co seu saber humanístico, saberes que procedían, fundamentalmente, de don Marcelo Macías (Latín, Literatura, Historia) e don Eduardo Moreno López (Xeografía, sobre todo). Aquí e alí, aparecen as primeiras inquedanzas amatorias do mozote Ramón Otero ou a súa actitude de neno da urbe ourensá que añora as terras trasalbesas nestes termos: «Sin min habían chorar os castiñeiros. Eu sentía caerlle as bágoas. Non eran pingadelas de chuvia». Non preludian estas cavilacións a actitude de quen, nos seus libros futuros, foi o xeógrafo máis esclarecido nun xénero no que a ciencia xeográfica non era allea á poesía?

Os oterianos, os devotos da prosa impar de don Ramón, atoparán na construción destas Lembranzas esa sabia e sorprendente gramática literaria nunca ausente de quen, en moi boa parte, se realizou, esencialmente, como escritor. O lector algo máis «sociolóxico» atopará a lagoa sociolingüística e quizais algunha outra. Pero son páxinas, sen dúbida, do inmenso escritor que foi don Ramón Otero Pedrayo, literatura, hoxe, para letraferidos non moi inexpertos.