https://cflvdg.avoz.es/sc/tMhqb-8wvGp29QGKB8l5CNz3Fpw=/x/2020/05/28/00121590687781751659185/Foto/eup_20200526_093041085.jpg
JUNTA DE ANDALUCÍA

Ourense: O ritmo do tempo

by

AYoly veu de visita. Tiñamos pendente a celebración do seu aniversario, que aínda que foi en febreiro, decidiramos celebralo o 12 de marzo coincidindo coa miña estancia en Ourense. Pero ela e o seu compañeiro xa non viaxaron de Trives a Ourense ese día, pois o medo xa estaba no ar.

Falabamos cada día, e cada día faciamos plans para vernos «cando remate todo isto». «Xa che levarei os ovos das miñas galiñas, e unhas espinacas!»… pero esta semana, cando por fin conseguimos vernos, a miña irmá veu cargada de framboesas. Si, as framboesas que collera o pasado verán e que conxelara para que as puidésemos desfrutar cando nos xuntásemos de novo. E entón imaxinei o cariño co que as collera, e o amor co que as conxelou, ao seu estilo: nunha caixiña de plástico, dentro dunha bolsa que á súa vez collía noutra bolsa perfectamente empaquetada facendo un rectángulo impecable.

A Yoly atopou o seu mundo no rural hai unha ducia de anos, alí achou a paz. E eu, que levo anos pensando que realmente non son a dona do meu tempo, nestes oitenta días confinada no meu rural particular, tentando esquecer o que xa non está por vir, sentinme incriblemente afortunada por poder vivir a miña vida a ritmo real. Pois no ritmo que estaba a seguir non sempre había tempo para a reflexión, e sen reflexión non hai aprendizaxe...

Pero agora que teño que volver á miña outra vida, pregúntome canto tardarei en esquecer esta etapa, ou canto aprenderei dela. E reflexiono sobre a frase que sentenciou miña nai antonte cando me preguntou de quen era esa planta tan bonita: «esa regaloucha o Xan o outro día»; «oh, a min pásanme cousas que non desfruto porque as esquezo aos dous minutos»...