Os estonianos xa poden coñecer mellor a lingua dos «galeegi»
Alumnos do país báltico elaboran o primeiro dicionario entre o seu idioma e o galego
by xesús fragaEn estoniano, galego é galeegi keel e amizade dise sõprus. Ambas palabras forman parte do primeiro dicionario entre a lingua desta república báltica e a de Galicia, unha iniciativa de once estudantes da Universidade de Tallin, supervisados polos docentes Merilin Kotta e Francisco Javier López Arias, coruñés afincado en Estonia dende hai tres anos. Levado polas semellanzas paisaxísticas, económicas -«tradicionalmente agrícola pero que mira ao mar»- e culturais -«ata celebran a súa versión do San Xoán con fogueiras e todo»-, López Arias pensou que sería boa idea abrir novas vías de comunicación entre ambos países. «E para iso, hai que entenderse. Non só as palabras, tamén a cultura da que saen esas verbas. Un dicionario é a ferramenta perfecta para comezar o proceso», explica.
Xunto con Kotta, que xa vivira en Cataluña, o profesor puxo en marcha a tarefa colectiva co alumnado de elaboración do dicionario dentro da plataforma da universidade e na da EKI, a Academia estoniana homóloga á galega. «Basicamente, hai que facer case todo a man, comprobando correspondencias de significado entre os dicionarios da EKI e da RAG, así que a elaboración está a ser lenta. Na primeira iteración esperamos ter as palabras correspondentes aos niveis A1 e A2 do Marco Común Europeo de Linguas, e tamén as relativas á cultura galega», describe. Ademais dese vocabulario que tende pontes, o dicionario inclúe, na súa definición de amor, uns versos de Jüri Talvet, «o único poema en estoniano que foi traducido ao galego».
Os primeiros chanzos desa conexión entre Galicia e Estonia debería darse no ámbito académico. O traballo para o dicionario compaxinouse cunhas clases de galego, actividade que López espera que se poida ofrecer na universidade fóra dos estudos regulados. «O traballo que fixeron foi espectacular», valora o docente. «Así que pensamos que si que hai certa demanda e estamos a traballar para cubrila».
A partir de aí, a continuidade desexable sería que esta ferramenta contribuíse a propiciar traducións entre ambos idiomas, un obxectivo do proxecto, aínda que López recoñece que aínda é cedo. Estonia, di, ten unha literatura variada e complexa, cun desenvolvemento no que se poden atopar paralelismos con Galicia: «Tiveron tamén un Rexurdimento ao mesmo tempo que o galego, e incluso teñen a súa propia versión de Rosalía: a poetisa Lydia Koidula». O cume da literatura estoniana é a pentaloxía Tõde ja Õigus (Verdade e Xustiza), de Anton H. Taamsaare. «Lida con atención, explica perfectamente o carácter dos estonianos», explica o profesor galego, quen tamén destaca como imprescindibles as obras de contemporáneos como Jaan Kross, Andrus Kivirähk, xunto coas novelas negras de Indrek Hargla. «É demasiado ce do para dicir se poderemos facelo realidade, pero que o proxecto leve nun futuro a traducir obras estonianas ao galego e viceversa, é, desde logo, un dos nosos grandes obxectivos», conclúe sobre o dicionario estoniano-galego ou «galeegi sõnaraamat», como se di naquela lingua.