https://cflvdg.avoz.es/sc/aHjzQ6SG-gqkw1BmSjzC_4q17i8=/x/2020/05/25/00121590426841766170754/Foto/MY26C1F5_191314.jpg
Manuel Jorge, nunha das súas últimas visitas á súa Chantada natalROI FERNÁNDEZ

Lemos: Morre aos 91 anos o arquitecto e artista chantadino Manuel Jorge

Toda a súa obra pictórica será enviada agora a Chantada. A asociación Amigos de Manuel Jorge proponse abrir un centro de arte na súa localidade natal

by

O arquitecto e pintor Manuel Jorge morreu este domingo na localidade alacantina de Xàbia, na que vivía dende hai anos e na que desenvolveu a maior parte da súa vida profesional. Co seu falecemento, a parte da súa obra pictórica que aínda non estaba en Chantada será trasladada a este concello, como era o seu desexo. Anunciouno este luns a asociación Amigos de Manuel Jorge, depositaria de todo este legado, que agora proponse conseguir cumprir o seu soño de abrir en Chantada un centro de arte.

Manuel Jorge levaba un tempo convalecente dunha rotura de cadeira e finalmente non deu superado as complicacións de saúde derivadas do seu proceso de recuperación. O artista vai ser despedido cun acto íntimo en Xàbia e máis adiante será organizada unha convocatoria no seu recordo en Chantada. A despedida na súa vila natal non ten aínda data. Na asociación de Amigos de Manuel Jorge aseguran que terá lugar "en canto a permitan as circunstancias".

Vinculado ao Mediterráneo

Nacido en 1929 en Chantada, a súa traxectoria como arquitecto estivo moi vinculada ao Mediterráneo, especialmente a Xàbia, onde se instalou en 1963 coa súa parella, a pintora finesa Christina Snellman. Neste municipio da comarca da Marina Alta alacantina chegou a construír máis de cen vivendas durante o tempo que permaneceu profesionalmente activo. O seu traballo, no que potenciou o estilo mediterráneo e o respecto polo entonro, revolucionou a arquitectura nesa zona costeira.

Tamén é ampo o legado que Manuel Jorge deixa como pintor. El quería que todas as súas obras como pintor estivesen en Chantada. Parte dese desexo cumpriuse despois da creación hai catro anos da asociación de Amigos de Manuel Jorge. O seu obxectivo xeral é a divulgación a súa herdanza pictórica e arquitectónica, pero no máis inmediato o seu primero proxecto foi a organización dunha exposición retrospectiva en Chantada, a primeira que se celebraba en Galicia. Dous anos máis tarde. no 2018, a Deputación de Lugo colaborou na organización doutra mostra retrospectiva sobre a súa obra que facilitou o traslado a Galicia de boa parte dos seus cadros, que xa quedaron en Chantada. Na asociación aseguran agora que tras o falecemento de Manuel Jorge o resto das súas pinturas serán trasladadas tamén a Chantada. Son en total máis de dous mil cadros. Manuel Jorge quería que se conservasen e e expuxesen na súa terra natal. Manuel Jorge foi un pintor prolífico que nunca vendeu os seus cadros.

https://cflvdg.avoz.es/sc/ibiJsN_vTcsAXjo0nBBQfduKTPo=/x/2020/05/25/00121590426841443536346/Foto/MY26C1F5_19126.jpg
Primeira exposición retrospectrica sobre a obra pictórica de Manuel Jorge, celebrada no 2016 en ChantadaROI FERNÁNDEZ

Na asociación que leva o seu nome teñen ademais o propósito de facer realidade o que era o seu soño: a creación dun centro de arte en Chantada. Ese centro será o lugar no que se conservaría e mostraría a súa obra e servirá ademais, explican os portavoces da asociación, para "dinamizar a cultura e creación artística na Ribeira Sacra". Na asociación, engaden os seus representantes, recollen "este reto coa tristura de ter que despedirse do autor, pero co ánimo de que o seu legado sirva para incentivar as artes dende o interior de Galicia".

Os responsables deste colectivo teñen intención de iniciar a partir de agora os trámites para a creación dese centro de arte en Chantada. Tamén anuncian que lle darán continuidade a iniciativas como o Concurso de Fotografía Christina Snellman, "que terá unha nova edición a partires deste outono".