A vacina dos soños
by Antón Riveiro CoelloEscoitei os aplausos nas fiestras e erguinme axiña para ver o móbil desa euforia que madrugaba ás oito da mañá. Cando abrín o balcón e vin o estoupido unánime dos aplausos, acompañados de vivas e apupos, sospeitei que algo extraordinario ocorrera e prendín a radio. O locutor mudara a súa voz sensata por outra rouca que berraba o nome dunha muller á que lle había que dar, xa, o premio Nobel. Agardei uns segundos para apañar algún dato que me explicase o motivo desta festa colectiva e non tardei en me decatar de que unha investigadora galega viña de descubrir a vacina contra o maldito virus. Pasara todos os controis internacionais e os resultados eran tan obvios que a comunidade científica a felicitaba, non sen se preguntar como unha descoñecida mileurista estaba detrás desta descuberta. Cando escoitei o seu currículo académico impecable e a serie de bolsas que a trouxeron por medio mundo subsistindo en precario en diversas universidades até os trinta anos, que eran os que agora tiña, pensei con rabia en que a noticia non era tan galega porque o equipo de investigación que ela dirixía estaba baixo tutela dunha universidade estranxeira. Unha vez máis o noso éxito estaba vinculado coa emigración. Non podía ser doutro xeito. E espertei aí do soño, cun pouso de desánimo, e fiquei un tempo escoitando o parte diario, co reconto de contaxios e mortos, coma quen escoita a predición do tempo. E quixen durmir de novo para seguir soñando con esa rapaza anónima que, con certeza, estará a deixar os ollos no microscopio para que o mundo sane e esteamos tranquilos mentres non nos ataque outro andazo. Nesa altura, talvez precisemos doutra premio Nobel galega que nos salve, pero, para iso, se non cambian os referentes e os investimentos, haberá que seguir soñando.