Cousas que aprendín na corentena
by Inma López SilvaAgora sei tinguir o pelo, facer buñuelos, pan e brownies; montar vídeos, entrevistar on line, facer radio vía móbil e tele por Skype. Podo ensinar a multiplicar, a facer minúsculas con papel pinocho, a xogar ao dominó, ao xadrez e ás damas, e a facer retos ximnásticos. En inglés. Aprendín tamén que a xente está disposta a todo por nada, e a nada cando ten medo; que sei vivir no cárcere, cantar coa guitarra dun veciño a trinta metros e podar xeranios. Varias veces o de podar xeranios, igual que o dos vídeos de autobombo para vender libros. Demasiados. Tamén souben vivir sen mercar, mercar, mercar. Volvinme aínda máis marxista e máis incrédula, aprendín a non cargar mortos que non son meus; a non aplaudir sen saber a quen, a non deixar de facer cousas que se poden facer só porque alguén mudase o significado da palabra sentidiño; a rirme, rirme moito, cando me chaman irresponsábel por saír da casa e na mesma frase falan de reactivar a economía do meu barrio. Non vaia ser. Xa sei dicir brindando «igual hai que aprender a morrer un pouquiño». Sei agora durmir mal e ser feliz vivindo sen horario. Aprendín que estar sen bares, sen amigos, sen abrazos, sen miradas, non é estar nin ser; que o Whatsapp se esgota, que Netflix ten final e os andeis se gastan. Sei cantas baldosas hai na cociña e o número de puntiños da parede pintada a gotelé. Tamén son quen de estar unha hora para mercar cervexa e magdalenas, percorrer Vigo en bicicleta para ver un solpor en compañía, mentir á policía, pedir prestado un can. Aprendín, en fin, o que é de verdade a liberdade, e nunca fixo boas migas co medo a nada.